lunes, 25 de marzo de 2013

UN DOMINGO MÁIS NO MONTE

Son as 6:00 da mañá, e un Domingo máis toca madrugar para saír ao monte. O día non ten moi boa pinta, chove sen parar, pero co inverno que levamos este ano en Galicia un xa está totalmente adaptado a correr con este tempo, ademáis penso que en breve o meu corpo se adaptará por completo a estas inclemencias metereolóxicas facendo visibles no meu pescozo un par de agallas.
Pois o dito, as 6 en pé, almorzo algo rápido e remato de preparar o material. Hoxe toca facer unha rodaxe de catro horas aproximadas para ir preparando o reto do ano, "A Travesera".
As 6:40 xa estou puntual no punto de encontro cos amigos que me van acompañar hoxe, e as 7:00 nos poñemos a correr pouco a pouco para ir quentando as pernas. Baixamos sen levar un ritmo moi vivo cara o mosteiro de Caaveiro.

Mosteiro de Caaveiro
 Unha vez alí cruzamos a ponte e subimos ata o alto de Monfero. A choiva non para, pero a nós tanto nos ten, entre auga e barro o pasamos como enanos. Xa no alto de Monfero comezamos de novo unha baixada en eses continuadas ata chegar outra vez ao río Eume, e dende a central do Parrote tiramos en dirección a central eléctrica de A Capela. Na ponte nos xuntamos todos para comezar o ascenso cara a presa do Eume, imos a facer un recorrido dos máis fermosos cruzando toda a canle do río pegados a montaña ata chegar a base do encoro e unha vez alí comezar o ascenso ata o alto de Fontardión.

Vista de parte do recorrido pola canle do Eume
 Unha vez que rematamos de subir as escaleiras da presa, e sacar as fotos de rigor ca auga do encoro caendo as nosas costas, tiramos monte arriba por unha nova ruta que nos amosa o amigo Víctor, a verdade que me gustou moito, mesturando tramos de correr, con outros de camiñar e algún tamén de escalada.

Hoxe as miñas costas a o encoro do Eume rebosaba de auga
Chegamos ao alto de Teixido e dende alí sen parar nin un segundo tiramos ao punto máis alto do recorrido de hoxe, Fontardión.

Un día en Fontardión cos meus compis do monte (665m)
 Todo o ascenso o facemos envoltos na néboa que parece que non ten pinta de disolverse, pero bueno a verdade que iso pouco nos importa, estamos desfrutando do recorrido e isto é o realmente importante. Facemos cume en Fontardión (665m), nos paramos a intercambiar catro palabras, beber e comer algo e acto seguido comezamos a baixar ata chegar de novo aos nosos coches. Son as 11:00 e ao final fixemos 33 kilómetros, 1380 de desnivel positivo, e 1400 de desnivel negativo, un total de catro horas e cinco minutos,¡choio virado!.


As cousas como son, hai días que costa moito madrugar, pero ao final cando rematas sempre compensa o esforzo realizado. Ademáis os que temos familia temos que facer un esforzo para tratar de non deixar de lado a nosa faceta como papás.

lunes, 18 de marzo de 2013

Carreira Alto Sil 2013

Son as 09:00 horas en Santa Cruz do Sil, xa estou en línea de saída para afrontar a miña primeira carreira de montaña de 2013, e tamén a miña primeira carreira a nivel nacional. Os nervos están a flor de pel e según nos comenta a organización vai a ser máis dura do esperado pola gran cantidade de neve acumulada ao longo do recorrido durante os últimos días.


Cos meus compañeiros do Bestarruza Trinity Trail momentos previos a saída.

10,9,8,7,6,5,4,3,2,1 e ¡alá imos!. Comezo a carreira no grupo de cabeza pegado a cola duns vinte corredores e comezamos a primeira ascensión para chegar ao alto de "La Chanada".

Comezando a primeira subida ao alto da Chanada.

 Busco un ritmo cómodo e fago o ascenso intercambiando tramos correndo con outros camiñando a bo ritmo. Nesta parte da carreira presto especial atención aos corredores que sempre están nos postos de privilexio nas carreiras, para tratar de aprender todo o que poida de xente como Ionut Zinca, Fernando Arca, Alfredo Gil, Pablo Villa ou Santi Obaya entre outros. Esta primera parte da carreira vou en compaña de todo un fenómeno deste deporte como é Salvador Calvo, vamos intercambiando opinións e xa me queda claro que él vai a ir a un ritmo tranquilo porque o día antes estivo facendo once horas de esquí (pero pedazo de ritmo ten este crack aos seus 51 anos para ter as pernas da paliza do día antes, un auténtico home de ferro).
Ao chegar ao alto da Chanada nos atopamos co primeiro tramo de neve, e comezamos a facer o descenso, quizás o máis técnico de toda a carreira, pola cantidade de neve mesturada con pedras soltas e barro. Nesta baixada recupero unhas posicións e consigo separarme de Salvador Calvo e outros moitos corredores, e acto seguido comezamos o ascenso do "Muro", collo un ritmo cómodo e veña a tirar cara arriba.


"El Muro"
Cando chego ao avituallamento que hai no alto os meus sóleos están ardendo, pero logo de avituallar me poño a correr en compaña de Tono un gran corredor do Xesteiras de Cuntis que acaba de saír de unha grave lesión, imos un tramo xuntos na baixada que nos leva a Páramo do Sil, donde estará o seguinte avituallamento.
Foto realizada por Rubén Fueyo Fotógrafo
Pouco a pouco me vou distanciando de Tono e collo o meu ritmo. Para a miña grata sorpresa máis adiante me atopo con Iván,un corredor do Ártabro Coruña co que xa desputei outras carreiras. Dende Páramo do Sil ata a derradeira subida do recorrido vou nunha carreira case que de relevos con Iván, él se me escapaba nas subidas e eu lle recuperaba baixando, foi unha auténtica guerra deportiva que na súa compaña se fixo moi agradable, porque a parte de ser un gran corredor é un rapaz extraordinario.

Comezando o ascenso ao alto da Campona.

Comeza o ascenso ao alto da "Campona", todo este recorrido está completamente cuberto por un metro de neve, e tod@s os corredores temos que seguir a huella que abriu a organización o día anterior. Esta parte do circuito se fixo dura pola dificultade añadida que supón correr con tanta cantidade de neve, pero para buscar o lado positivo, o recorrido era espectacular pola beleza da paisaxe completamente branca.
Unha vez chego ao alto da Campona e cargar as baterías previamente no avituallamento que había uns metros antes de facer cume, me dispoño a facer a baixada cara a aldea de Primout. Nesta baixada tomo contacto outra vez con Iván e outros corredores, chegamos xuntos a Primout e dende alí comezamos o tramo que discorre polo río.


Aquí estou chegando a aldea de Primout.
 Pouco a puco Iván e maís eu collemos a cabeza do grupo e impoñemos un ritmo bastante vivo para as alturas de carreira nas que estabamos. Imos xuntos ata chegar a base do Pico Negro, que será a derradeira subida antes de comezar o descenso final cara a meta en Santa Cruz do Sil. Nesta subida foi a parte donde máis sufrín en toda a carreira, se cadra cheguei moi xusto de forzas.

Subindo ao Pico Negro. Foto realizada por Rubén Fueyo Fotógrafo
 Iván se distancia de min e non son quen de seguir o seu ritmo. Na ascensión me vexo superado por cinco corredores, ademáis de Iván me supera tamén Uxue Fraile, que sería a gañadora en categoría feminina (Esta rapaza Vasca sube moi forte). Unha vez me pasan estes corredores trato de manter un ritmo constante de ascenso, pensando na baixada e recuperar algunha posición.


Última subida ao Pico Negro.

 Chego ao último avituallamento, e ao lonxe xa diviso a Uxue Fraile e aos outros corredores que me sobrepasaron na subida ao Pico Negro.


Descenso do Pico Negro.
Como algo rápido e me dispoño a baixar a todo canto as miñas pernas dan para dar caza a cantos máis corredores poida coller. Pasado un kilómetro dou caza a Uxue, e un pouco máis adiante collo a todos os corredores que me superaron na subida excepto a Iván que na subida colleu a ventaxa suficiente para gañar a pequena competición entre nós. Finalmente me planto en meta cun tempo de 3:34:51, no posto 21º da clasificación xeral e 15º da categoría senior.
Resumindo un pouco o que foi a experiencia me quedo co recorrido, duro pero fermoso, ca organización que foi de 11, o ambiente previo e posterior a carreira, e sobretodo me quedo ca experiencia satisfactoria de facer,para min, unha grande clasificación, para ser esta a miña quinta participación nunha carreira de montaña, e sendo esta a miña primeira a nivel nacional.
E como colofón final un par de fotos, con referentes a nivel nacional no mundo das carreiras de Montaña. como son Fernando Arca Casal e Raúl Gracía Castán.

Aquí estou con Fernando Arca. Todo un referente para os corredores de Galicia.

Falando con Raúl Gracía Castán. Cinco veces campión de España e tamén campión de Europa.


















miércoles, 13 de marzo de 2013

ESTE SON EU

 Me chamo Rubén Seco, teño 33 anos, para 34 agora no mes de Abril. Son un rapaz nacido nun lugar chamado "O Penedo" que pertence a parroquia de Barallobre dentro do concello de Fene, pero que dende hai xa sete anos resido no concello de Mugardos, na provincia de A Coruña.
 Levo toda unha vida adicada ao deporte, en concreto ao fútbol, pero cheguei a un punto onde por diferentes motivos aborrecín o chamado deporte rei, ata tomar a decisión de desvincularme por completo do que foi durante moitos anos para min o meu campo deportivo. Non me arrepinto para nada de esta decisión, todo o contrario, incluso se chego a coñecer o mundo das carreiras de montaña antes, colgaría moito antes as miñas botas.
Cambiando de tercio, falemos do que ven ao caso. Hai xa case un ano tomei a decisión acertada de involucrame de cheo no monte, e sobretodo nas carreiras de montaña, e neste ano que levo as vivencias e as experiencias ata a data foron todas positivas, e así espero que sexa durante moitos anos da miña vida, podendo desfrutar da montaña cas miñas fillas, a miña muller e tamén cos meus amigos.
Dende este ano formo parte do equipo de carreiras "Bestarruza Trinity Trail", que e resultado da unión da Asociacion de montaña e escalada Bestarruza www.bestarruza.com ca tenda de deportes Trinity http://www.trinitytriatlon.com/. Somos un equipo totalmente amater, pero que tratamos de dar o mellor de nós en cada carreira na que participamos, porque conciliar a vida laboral e familiar non nos deixa todo o tempo que de boa gana lle adicaríamos aos nosos adestramentos, pero bueno como ben di un amigo meu "o importante e pasalo ben", iso si cando un se pon o dorsal nas carreiras sempre saca o lobo que leva dentro.
De aquí en adiante neste blog irei contando as miñas vivencias e todo aquilo que me chame a atención con todo o relacionado co Trail Running.







Un saúdo para tod@s.